Fusquenlla apela ao Valedor do Pobo e ao Ministerio Medio Ambiente
Foron innumerabeis as denuncias que o
colectivo Fusquenlla presentou ante o concello de Pontedeume e ante a
Conselleria de Política Territorial , CPTOPV, sen obter unha
resposta satisfactoria ás súas demandas. Cabe sinalar
entre estas:
Que se fixesen efectivas as ordes de paralización ditadas sobre
as obras que Lagares, S.L. e a empresa Construeume efectuan en diversos
puntos de Pontedeume (Caldagueiro e Nogueiorsa)
Que se decretase a paralización do edificio situado á
beira de Correos por non se axustar ás Normas Subsidiarias de
Pontedeume
Que a CPTOPV puxese en coñecemento da fiscalía o
incumprimento por parte do concello de Pontedeume do regulamento de
disciplina urbanística ao permitir ao promotor ampliar unha obra
declarada ilegal en lugar de facer efectiva a orde de
paralización.
Que a CPTOPV revogase as competencias urbanísticas delegadas no concello de Pontedeume.
Que se están a modificar viais públicos por parte dunha empresa construtora amais de construir en solo non urbano.
Que se está a construir en zona rústica de protección costeira.
Que sexan mostrados os expedientes solicitados polo Colectivo Fusquenlla, dereito recollido no Real Decreto 772/1999
O comportamento irregular do concello de Pontedeume denota unha clara
aposta pola defensa dos intereses privados de certas promotoras e
construtoras en contra do ben público que representa o noso
patrimonio. Os construtores, co beneplácito dos rexedores locais
e nun claro desafío ás institucións
públicas, non reparan en medios e instan aos compradores a
ocupar as vivendas sobre as que pesan decretos de ilegalidade.
Pretenden deste xeito facer máis difícil a
actuación da Administración á hora de facer
respeitar a lexislación.
Consideramos que o silencio dos organismos públicos, neste caso
a consellería de Política Territorial, é
unha manifestación do alto grao de desidia que embarga aos que
deberian velar polo cumprimento da legalidade, descansando esta
responsabilidade nos colectivos ecolóxicos e asociacións
veciñais. Demandamos do goberno galego unha actuación que
vaia máis aló das coñecidas declaracións de
defensa do valor paisaxistico das nosas costas, e que esta
implicación non atenda á cor das equipas de goberno dos
distintos concellos.
Por todo o anterior este colectivo decidíu presentar ante o
Valedor do Pobo unha queixa baseada na indefensión provocada nos
cidadáns pola inhibición e pasividade das
administracións, local e autonómica, permitindo que se
demore a resolución dun problema que acarrea enormes prexuizos
imposibeis de reparar no futuro. Asemade establecese un agravio
comparativo ao crear dúas categorias de cidadáns: os que
deben acatar as leis e os que están exentos do seu cumprimento.
Paralelamente infórmase ao Ministerio de Medio Ambiente
(Demarcación de Costas) da situación ilegal de certas
construcións situadas en Nogueirosa dentro da zona de
protección costeira, unha das cales (propiedade do xestores de
Construeume) xa goza do correspondente informe da CPTOPV instando
á súa paralización por vulnerar a legalidade en
non poucos aspectos.
Todo o anterior non é incompatíbel con outras medidas que
Fusquenlla poida levar a cabo para conseguir que en Pontedeume se
instaure a legalidade perdida nun proceso que está a asolar a
meirande parte da costa deste país.