MANIFESTO EN DEFENSA DUN URBANISMO RACIONAL PARA PONTEDEUME
Nos últimos tempos estamos asistindo na vila de Pontedeume a unha agresión intolerábel contra o noso patrimonio arquitectónico e paisaxístico. A recente construción no lugar de Caldagueiro dun descomunal conxunto de vivendas –obra de forte impacto ambiental que, tras a sua terminación, vai alterar definitivamente a configuración da liña de costa- e as crecentes ameazas sobre o Mercado municipal –cuxo interese reside no só no seu valor estético, senón no seu carácter público-, revelan as cesións do goberno municipal ás presións das empresas construtoras e a renúncia á sua responsabilidade en matéria de ordenación urbana. Contradecindo a letra e o espírito do Plano de Ordenación Urbana vixente e tamen do que está a punto de aprobarse, asistimos atónitos ó deterioro da franxa costeira, zoa de singular valor paisaxístico. Como si de un retorno a outras épocas se tratara, cando o feísmo se extendía como unha plaga temible e a destrucción dos monumentos do pasado semellaba condición indispensábel para acceder á modernidade, contemplamos ós responsabeis públicos confundidos por unha errónea concepción do progreso e fascinados polos lucrativos ingresos que para as arcas municipais supoñen as licencias de obras.
Esta asociación entre construtores sen entrañas e políticos sen sensibilidade non pode producir outros froitos que a desfeita urbanística que estamos a sofrer aquí, como en outros moitos lugares da costa galega, por onde se espallan sen medida novas urbanizazóns inspiradas nun modelo caduco e lesivo de desenvolvemento económico: o turismo de masas e a explotación abusiva dos recursos naturais; modelo que xa estragou o Levante español. Agora, tócanos a nos.
E mentres, a auténtica política de vivendas, á que responde a necesidades básicas da cidadanía, allea ó mundo do pelotazo urbanístico, queda por facer. ¿E esta a política progresista que alenta o noso goberno? Porque nós, como veciños de Pontedeume, consideramos que ten que haber outra política en materia de urbanismo, respetuosa co entorno natural, que é a nosa principal fonte de riqueza,e cun patrimonio cultural que debemos preservar, propoñemos:
- unha política de vivenda cunha clara orientación social, non tecida polos fíos de araña da especulación
- a rehabilitación do casco histórico e a súa promoción como espacio comercial e residencial
- a adopción de medidas encamiñadas a protexer os espazos naturais e os edificios singulares (Biblioteca, Mercado, Concello,..)
- a oposición a calquera forma de enaxenación dos bens e dos espazos públicos
- o acordo de toda a cidadanía na definición dun modelo de vila habitábel, aberto, moderno e humano