FUSQUENLLA denuncia ao Concello de Pontedeume ante a CPTOPV
Este é o documento que Fusquenlla enviou á Consellería de Política Territorial no que pide a sua intervención ante as graves ilegalidades que se están a cometer neste concello en matéria urbanística.
Os abaixo asinantes, representantes do Colectivo Fusquenlla de Pontedeume, ante a grave situación de deterioro urbanístico e infraccións que se están a cometer nesta vila dirixen-se a vostede para lle expoñer o que segue:
A) Con data 14-04-2004 expide-se un informe proposta do servizo de urbanismo e inspección territorial da Coruña (documento nº 1) no que se propón requerir ao Concello de Pontedeume a revisión da licenza concedida (nº 260/2001) e a inmediata paralización das obras dunha vivenda unifamiliar en solo rústico no lugar de Nogueirosa (Empresa construtora, Construeume). As consideracións xurídicas baseanban-se nunha segregación do solo expresamente prohibida pola Lei do Solo e tipificada como infracción urbanística moi grave, na construción en zona rústica de protección de costas e por non axustar-se ás condicións da licenza concedida. Resaltar ademais que esta licenza non contou co informe favorábel da secretária do concello.
A pesar de todo isto, a obra continuou até o dia de hoxe no que está practicamente rematada
B) Con data 02-11-2004 o Director Xeral de Urbanismo da CPTOPV emite un requerimento ao alcalde do Concello de Pontedeume (documento nº 2) para que proceda á suspensión dos efectos da licenza outorgada con data 23-12-2003 (exp. Nº 175/2003) coa paralización inmediata das obras realizadas pola entidade Promociones LAGARES Y ALVÁREZ, S.L.(Empresa construtora, Construeume). Para a construcción dun edificio de 51 vivendas na Av. Dr. Villlanueva.
Con data 28-02-2005 a mesma Dirección Xeral de Urbanismo da CPTOPV require de novo ao alcalde de Pontedeume (documento nº 3) para que proceda a dispoñer a suspensión da licenza e conseguinte paralización das obras ás que se fai referéncia no parágrafo anterior (exp nº 175/2003)
Con data 15-03-2005 o alcalde de Pontedeume (documento nº4) decreta a paralización da obra anterior (exp nº 175/2003) e a incoación do expediente para a reposición da legalidade.
A pesar de todo o anterior a obra continua desde entón facendo caso omiso da orde de paralización. Ademais de non paralizar a obra, está-se a ampliar coa edificacición de máis de 40 vivendas sen a correspondente licenza municipal. (documentos nº5)
C) Con data 02-02-2006 o alcalde de Pontedeume resolve (documento nº 6) a suspensión inmediata das obras de construción dun edificio de 18 vivendas (expediente nº 173/2004) que se estaba a construir na Av. De ferrol pola entidade Promociones Lagares Álvarez, S.L.(Empresa construtora, Construeume) por non se axustar á licenza municipal. Esta obra foi denunciada polo colectivo Fusquenlla por estar construindo unha edificación de 55 vivendas (un volume dobre do permitido na licenza), en solo non urbano e modificando os viais proxectados nas Normas Subsidiarias do Concello de Pontedeume.
A pesar do decreto de paralización a obra continua executando-se.
D) Tanto o colectivo antes citado como numerosos veciños tamén denunciamos as obras que se están a contruir na Av. Dr. Villanueva, nº1 (Empresa construtora, Construeume) por considerar que están a vulnerar as Normas Subsidiarias do Concello de Pontedeume ao tratar-se dun edificio de máis de 15 m. de profundidade e que rebasa a altura permitida: en lugar de baixo, 2 plantas e baixo cuberta, ten unha altura de baixo, 6 plantas e baixo cuberta (documento nº 7). Pola contra, o concello non respostou a ningunha das nosas denúncias e a obra está a levantar-se en toda a sua dimensión, o que fará máis difícil unha hipotética orde de paralización e reposición da legalidade vulnerada.
En vista do anterior, entendemos que están a conculcar-se determinadas normas da lexislación urbanística:
a) Os promotores non acatan as ordes de paralización ditadas polo Concello de Pontedeume
b) O Concello de Pontedeume, a pesar das denúncias presentadas neste sentido, non fai o posíbel para asegurar a paralización efectiva das obras (art.209 e 214 da Lei 9/2002 do 30 de decembro) como o proba o feito de que meses despois das ordes ditadas as obras seguen a realizar-se e, nalgúns casos, ampliando o volume edificado sen a correspondente licenza.
c) Están-se a construir vivendas sen licenza nas obras antes citadas: exp. nº 175/2003 e expediente nº 173/2004.
d) Estánse a modificar os trazados de viais públicos nas obras da Av. De Ferrol (expediente nº 173/2004)
e) Está-se a construir en solo nun urbano
f) Está-se a construir en zona rústica de protección costeira.
Dada a gravidade destas infraccións nas que dificilmente poderá ser reposta a legalidade, e dado que o Concello de Pontedeume non adopta as medidas necesárias para garantir a total interrupción da actividade e a protección da legalidade urbanística, abocando aos cidadáns a unha situación de indefensión ante o deterioro irreversíbel do noso entorno patrimonial e histórico,
Solicitamos da Conselleria de Política Teritorial, Obras Públicas e Vivenda:
En virtude do Art. 68 do decreto 28/1999, do 21 de xaneiro, proceda a dar conta ao Ministerio Fiscal do incumprimento por parte do Concello de Pontedeume das obrigas que lle incumben en materia de protección urbanística e se proceda por parte desa Conselleria á revogación das competéncias urbanísticas delegadas no Concello de Pontedeume.
Adxuntan-se:
Documento nº1. Informe proposta do servizo de urbanismo e inspección territorial da Coruña
Documento nº2 requerimento revisión licenza
Documento nº3 requerimento suspensión e paralización de licenza
Documento nº4 decreto suspensión obras na Av. Dr. Villlanueva do Concello Pontedeume
Documento nº5 Fotografia do edificio en Caldagueiro e recortes de prensa
Documento nº6 decreto suspensión obras na Av. De Ferrol do Concello de Pontedeume
Documento nº7 fotografia do edificio en Av. Dr. Villanueva, nº1
Pontedeume, 8 de marzo do 2006
Sr. Director Xeral da Conselleria de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda
Edificio Administrativo San Caetano
Santiago de Compostela