Onde vai o BNG?


Apareceu por fin un boletín do BNG, despois de meses de siléncio, no que tenta aclarar  algúns aspeitos sobre urbanismo. Pero só se queda niso, nun van intento de aclaración pois o que consegue é engadir máis dúbidas sobre o papel que está a interpretar este grupo dentro do concello de Pontedeume.

Primeiro unha série de matizacións aos comentários do BNG neste boletín que máis parece un panfleto de calquer grupo independente e populacheiro dos moitos que pululan polo escenário local, que unha resposta seria dalguén que está obrigado a dá-la polos seus compromisos eleitorais.

Parece que agora xa teñen claro que a solución que exixe o mercado municipal pasa pola rehabilitación cando non hai moito tempo empeñaban-se en influir na decisión de Património para descatalogar o edifício do mercado e proceder así a sua demolición. Desde Fusquenlla opoñiamos-nos a esta pretensión e iso valeu-nos os descalificativos dos responsábeis locais. O tempo pon as cousas no seu sítio e agora o Bloque aparece como o valedor do novo mercado. Todo un exercício de pragmatismo e oportunismo.

Sobre a paralización da obra da Av. de Ferrol, dí-se que cando se decataron que non se axustaba á licenza concedida,  decretaron a sua paralización. Esta é unha versión moi interesada pois as primeiras denúncias datan dun ano antes da orde ditada polo concello. O lóxico seria facer unha inspección naquel intre e evitar así que unha obra ilegal continua-se a sua construción até chegar a uns extremos que fan case imposíbel a sua demolizón. Hai neglixencia nesta decisión?

Tamén se pasa por alto as denúncias contra o edifício situado á beira da oficina de correos. Siléncio cómplice? Unha vez máis, se se pensa que todo é legal, deberia-se proceder a unha inspección e desmentir así , rotundamente, aos que proclamamos a sua ilegalidade. Desde logo seria a mellor forma de responder ás críticas.

De Caldagueiro poderia-se dicer moito; discutir sobre o inevitábel da obra, sobre o seu carácter agresivo co entorno, sobre a sua necesidade...e desde logo sobre a sua ilegalidade. Abonda con citar que segundo os informes da Xunta esta aberración urbanística é ilegal, entre outras cousas, por asentar-se en solo non urbano. Unha conclusión á que tamén chegan os técnicos do Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza. Unha consideración que obrigou ao alcalde a decretar a sua paralización. Por que insistir pois na sua condición de solo urbano?
Di-se tamén que hai unha licenza concedida para construir 29 vivendas máis das 51 aprobadas inicialmente. Se é así, por que se oculta esta licenza? Podemos imaxinar a razón.

Poderiamos citar máis siléncios. Por que se deixa construir na liña de demarcación costeira aos donos dunha empresa construtora que está no epicentro deste movimento urbanístico que todo o asola? A sabendas de que se trata de zona de protección especial, o alcalde deu o seu permiso e o BNG asentiu. Haberia algunha contrapartida para o seu grupo?

A política municipal de urbanismo é un desastre que mesmo recoñecen os próprios militantes do BNG. Tendo en conta que esta área corresponde-lle xestiona-la a este partido, caberian duas tomas de postura ante este problema. A primeira seria unha atitude digna e implicaria recoñecer os erros cometidos e procurar un cambio de rumbo. Unha segunda atitude, vergoñenta, seria dar a resposta por calada e esperar a que escampe o temporal. Algo disto sucedeu nas últimas semanas.

Sen embargo o BNG atopa unha terceira via, a absurda, e opta por arremeter contra os que denunciamos as aberracións e ilegalidades urbanísticas no concello de Pontedeume, lea-se Fusquenlla. E digo absurda porque as accións que Fusquenlla leva a cabo - descobrir ilegalidades, denunciar estas ante os organismos competentes, exixir máis transparéncia na vida municipal, etc. - son semellantes ás que o Bloque Nacionalista Galego propugna noutras localidades nas que se están a cometer as mesmas barbaridades pero coa salvedade que alí este partido está na oposición. Lea-se Sada, Narón, etc. Despistados estamos os que vemos como este grupo defende posicións antagónicas segundo lles corresponda estar na oposición ou no goberno. De defender o medio ambiente e criticar a especulación, pasa-se a xustificar unha planta de gas na Ria de Ferrol ou a enmudecer ante os atentados urbanísticos en Pontedeume.

Pero non só hai contradición entre estes comportamentos tan distintos dos grupos municipais do BNG, separados por mínimas distáncias xeográficas. Hai tamén unha falla de memória, patolóxica ou interesada, que lles permite aos responsábeis nacionalistas terxiversar os datos que por outra parte son facilmente contrastábeis, como se demostrou anteriormente.

Mais o que quizais resulte máis chamativo sexa o escaso ou nulo comportamento democrático que caracteriza a esta coalición. Varias son as mostras que o confirman.

Por un lado está o consabido tema dos documentos públicos que, segundo o  Real Decreto 209/2003 e polo mesmo Regulamento orgánico de participación cidadá do Concello de Pontedeume (publicitado como un logro democrático), deberian estar a disposición de todos aqueles que os queiran analisar. A realidade terca empeña-se en demostrar-nos que os cidadáns eumeses non están capacitados para manexar ditos documentos, que farian mal uso deles e polo tanto non hai por que amosa-los. Botará-se-lle a culpa ao alcalde, omitindo  a responsabilidade do concelleiro de urbanismo. Supon-se que  a concellaria de urbanismo ten competéncias para xestionar con transparéncia o seu labor; o contrário seria dar por suposto que a sua figura é decorativa ou que serviria de escudo protector aos desmáns da equipa de goberno.
Quen se nega  á transparéncia na xestión dos concellos fai-no porque ten algo que ocultar ou porque despreza a participación cidadá nos asuntos públicos. Non será preciso lembrar como se califica a quen se aplica nesta forma de goberno pero si que existe unha grande demagoxia cando se promete un novo xeito de gobernar diáfano e participativo e logo se contradí coa práctica diária.

Máis acenos dun pasado non moi lonxano. Espalla o BNG que Fusquenlla ten intencións ocultas e que están próximas as eleicións municipais. A linguaxe crea a realidade, parece ser a máxima dos novos nacionalistas, unha sentencia que tivo grandes adaís neste pais. Moitos militantes do BNG deberian lembrar aquel mediocre estadista ferrolán que via escuras intencións baixo as demandas dos opositores demócratas e facia-as aparecer  como escusas de conspiracións xudeu masónicas. Tamén o BNG equivoca-se neste asunto. Fusquenlla xurdiu como colectivo ecoloxista, e a política e a ecoloxia son pésimos aliados (vexa-se Alemaña). Ninguén verá ao noso colectivo transformar-se nunha plataforma eleitoral lanzada á conquista do poder. Por convicción e por pudor: porque cremos que a independéncia é condición sine qua non para exercer con honestidade  o compromiso social, e porque sentimos vergoña daqueles que noutra época se declaraban defensores de valores como os que hoxe Fusquenlla ve-se na obriga de enarborar.

Antón