Urbanismo e desenvolvimento
Artigo publicado en La Opinión (15-03-06)
Pontedeume, ao igual que outras pequenas vilas, está a sofrer
unha transformación que repercutirá na sua identidade
durante moitísimos anos, unha transformación promovida
por un crecimento urbanístico que non está avalado por
nengunha razón que o xustifique, nin sequer minimamente. Non hai
crecimento demográfico e polo tanto non pode haber necesidade de
construir; en todo caso haberá necesidade de rehabilitar para
acondicionar mellor as vivendas e negócios dos habitantes desta
vila. Toda transformación urbana debe ser resolta polos expertos
segundo uns parámetros que deben ter en conta as necesidades
tanto presentes como futuras dos cidadáns, atendendo ademais
á conservación e mellora da calidade de vida. Sen
embargo os deseñadores do noso futuro son todo o
antagónico que podamos imaxinar a aqueles profisionais, pois
trata-se duns empresários que, lonxe de saber que é o
mellor para as cidades, só se moven polo afán inmediato
da plusvalia adquirida na venda dunhas edificacións que non
satisfán as necesidades reais das vilas.
As consecuéncias deste crecimento irracional son tan diversas
como nefastas. Ten unhas repercusións sociais e medioambientais
que abocan aos cidadáns a un empeoramento nas suas
condicións de vida alterando dun xeito brusco o seu
hábitat e obrigando-os a adoptar novos comportamentos. As vilas
están pensadas para un xeito de vida que se configurou durante
séculos e que orixinou uns servizos e equipamentos
próprios para cubrir as suas necesidades. Estas
prestacións básicas para unha determinada
poboación volven-se insuficientes durante un mes do ano no que o
censo incrementa-se expoñencialmente por mor dos novos
propietários que veñen desfrutar as vacacións
estivais. Escasea a auga, as depuradoras quedan-se pequenas, as
estradas son insuficientes e demasiado estreitas para acoller un
inmenso parque automobilístico, non hai aparcadoiros,
incrementa-se o gasto enerxético e a contaminación,
encarecen-se os produtos máis básicos, desaparecen
sectores primários como a agricultura, imposibilitando o
crecemento dunha indústria alternativa agrária de
calidade,o prezo da vivenda fai-se proibitivo para a maioria da
poboación...Engada-se a isto que o principal recurso
económico de Pontedeume é o turismo, fomentado este polo
valor patrimonial e histórico desta vila. E o sector
turístico é cada vez máis exixente, rexeitando
aquelas opcións que non estexan integradas nos valores
históricos, sociais e culturais das poboacións obxecto do
seu destino.
Pero non son estes os únicos efeitos evidentes. O cambio que se
produce no entorno paisaxístico é o máis grave
pola sua condición irreversíbel. Enormes masas de
formigón levantan-se onde antes habia un espazo natural
inapreciábel pola sua beleza, un medio que formaba parte da vida
dos habitantes do lugar e que moldeaba a sua identidade e a sua
cultura, unha cultura milenária que de súpeto pode
desaparecer a causa da transformación radical da Natureza
fomentada pola depredación humana. A desaparición de
zonas verdes e o deterioro do litoral é o peor legado que
podemos deixar ás xeracións vindeiras, desde o punto de
vista humano, cultural e económico. O desenvolvimento de
Pontedeume non pode dar as costas á sua bagaxe patrimonial
senón todo o contrario, debe-se sustentar nesta para acadar un
maior grao de calidade de vida, hoxe e no futuro. O urbanismo que se
nos quere impoñer aboca-nos a unha situación
insostíbel, ao empobrecimento e á desaparición da
nosa idiosincrasia.
A. G. C