Eu quero ser un carballo 

¿Quen protexe o que non é “Parque natural Fragas do Eume”?

Temos sorte os eumeses de poseer ó noso carón un bosque atlántico único, especialmente protexido.. Pero, ¿qué pasa coa vila e o seu entorno que quedan fora dese paraugas ?, ¿quen nos protexe a nós?

Ata fai poucos de anos, éramos un recuncho esquencido polos instintos depredadores da especulación, e vivíamos tranquilos, pensando que estábamos seguros, coidando, na nosa inxenuidade, que esas cousas pasaban só noutros lugares, lonxe de aquí. ¡Coitados!

Dende entón, voltámonos un cobizado solar, un coto de caza pero sin límites de tallas (ou alturas) nin normas (subsidiarias). Todo vale. Sálvese (ou enriquézase) o que poida.


Primeiro viñeron as grúas: de súpeto, vímonos rodeados deses terribles e arrepiantes artefactos que auguraban o desmán, vixiándonos dende as alturas, ameazadores, dicíndonos: “non podedes facer nada, sodes como formigas para min”.

Logo, o resto da artillería invadíu a nosa tranquila existencia: enormes e estruendosos camións, piquetas, escavadoras, ... Era para “allanar” o terreo. Por último, a infantería lanzou toneladas de proxectís (os ladrillos) aglutinados con cemento, moito cemento...

E algún podría preguntar: ¿qué fixeron as autoridades locais que nos debían protexer...?

¡Ai! Eles foron os primeiros en rendirse, sen ofrecer resistencia. –Non se pode facer nada-, dicen tamén, intentando convencernos da imposibilidade de conter o “progreso”.


Agora corremos o risco de ser, dentro de poucos anos, un caso de triste contraste: un maravilloso e mimado parque natural, rodeado dun bosque pero de edificios e urbanizacións, un oasis rodeado dun deserto gris.


Eu propoño o seguinte: que as Autoridades (as de verdade) preocupadas pola conservación do patrimonio da flora e fauna, nos consideren ós eumeses (homo sapiens eumensis) tan importantes como un coello ou un fieito relíctico, un endemismo da ría de Ares, coas nosas vivendas típicas adaptadas ó medio, unha especie a protexer; que impidan que eses cazadores sen escrúpulos (furtivos ou con patente de corso) destruian o noso hábitat coas súas moles de cemento, alterando sen remedio o noso tranquilo ecosistema urbán.

É moi sinxelo: fagan da vila e arredores un “Parque Natural dos Humáns do Eume”, coas mismas medidas que salvagardan, moi acertadamente, o fermoso entorno do río.


Para rematar, sirvan estas palabras de Carlos Vales sobre as Fragas: “É un compromiso da sociedade no seu conxunto co obxectivo de conservar o seu patrimonio natural, a súa memoria histórica de país atlántico, patria de árbores de cores cambiantes, e a súa responsabilidade para deixar ás xeracións futuras un emporio de biodiversidade e as paisaxes cálidas emparentadas coas orixinais. Paisaxes que ollaron os nosos antergos e que deben poder ollar os nosos descendentes.”


O dito, considérennos unha fraga de varios miles de carballos. Non pido máis.


Roi Xordo